Cando era pequena, ó saír do médico, o meu pai sempre me premiaba levándome á libraría Couceiro a mercar un conto (ou dous). Cando andabamos facendo recados e precisabamos unha pausa por mor da calor, da chuvia ... iamos á libraría a saudar ás persoas que alí traballaban e, de paso, mercar algún outro libro. Cando chegaba o Nadal, a feira do libro, algún aniversario ou, simplemente, pasabamos por diante dela, era inevitable entrar. E así, entre as súas xentes e os seus contos pasei eu moitos e fermosos momentos.

Por iso me fai unha especial ilusión anunciavos que, a partir de agora, os xogos de Brazolinda tamén estarán á venda na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, situada na praza de Cervantes. Así, ó meu xeito, eu tamén poderei axudar un pouquiño a que a infancia dos nenos de hoxe sexa tan feliz como o foi a miña.

 

Brazolinda en Couceiro