Como ben sabedes, a nosa intención á hora de deseñar os xogos é a de crear ferramentas que axuden na casa, na escola ou onde faga falta, a que as persoas, grandes e pequenas, aprendan a observar, comunicar, razoar... Estes xogos non discriminan ós xogadores en función das súas capacidades xa que o nivel de dificultade depende sempre de quen estea xogando.

Por iso nos comprace contarvos que, dende onte, os nosos xogos están dispoñibles tamén na xoguetería Fun4us de Vigo, na rúa Quintela 29. Unha xoguetería que naceu cunha finalidade clara, facer que tódolos nenos, pero especialmente os que teñen algunha dificultade de aprendizaxe, relación ou desenvolvemento, teñan material didáctico ó seu alcance para poder aprender e avanzar da maneira máis completa posible.